Cando escoitas o nome do país Xordania posiblemente ao instante veña a túa mente Petra. E non é sen motivo. Este enclave arqueolóxico é unha das sete marabillas do mundo e, sen lugar a dúbidas, a xoia de Xordania.

Wadi Musa é a localidade que máis preto se atopa de Petra. É unha cidade que debe a súa existencia e o seu crecemento ao longo dos últimos anos á súa proximidade con este gran regalo dos pobos antigos. Iso si, sobre aviso queda, é carísima en comparación con calquera outro sitio no que estivésemos en Xordania. Está completamente enfocada ao turismo e é un pouco complicado escapar das súas trampas de carameliños. Aínda así, cremos que é a mellor opción para aloxarse nesta visita, especialmente se tes pensando visitar Petra máis de un día, cousa que recomendamos moito.

"Ad-Deir", Monasterio de Petra (hai que subir case 800 escalóns para chegar a el).

Petra foi a capital do antigo reino nabateo. Era porta ao deserto. Parada antes de todo o que viña. A existencia de auga e a seguridade que daba o emprazamento no que se atopaba fixo que fose a parada natural de varias rutas de caravanas, como as rutas da seda e a das especias, entre outras. O que ao uso é unha estación de servizo a día de hoxe, pero con bastante máis arte. Aínda que, quen sabe, quizás os humanos que habiten a Terra en 2000 anos (se é que aínda existe algún) visiten e se marabillen con calquera gasolineira de estrada como nós o facemos con Petra. Aínda que a nós, persoalmente, cústanos crelo.

Petra é, entón, unha enorme cidade escarvada nas pedras. Isto parece un detalle sen importancia, pero cremos que é unha das cousas que máis maxia lle dan a Petra. Non falamos de grandes edificios creados con pedras pola man humana, non. Falamos de grandes rochas que foron talladas ata ter fachadas tan impresionantes como a do Tesouro, quizás a parte de Petra máis famosa e icónica.

Hai unha cousa que se debe decidir antes de visitar Petra. É importante saber se unha chega ata só para percorrer o Siq (desfiladeiro de entrada) e desembocar no Tesouro (construción máis icónica do complexo) ou, se pola contra, vas con idea de explorar Petra en profundidade e exprimila ao máximo. Esta última foi a opción pola que nós optamos e que nos flipou pero, avisamos: hai que ir preparados. Son moitos quilómetros a pé de rutas de sendeirismo e un clima non moi agradecido, aínda sendo novembro (case inverno) o mes no que nós a percorremos. Deixamos unha tantada de conselliños.

CONSELLOS

  • Calzado cómodo e roupa cómoda, claro. Básico, basiquísimo. Pero nunca cremos que estea de máis mencionalo.
  • Manga longa. Area e vento son mala combinación. Vas ver fotos nosas (especialmente miñas, de Nuria) nas cales saimos en tirantes ou non cumprindo varios dos nosos consellos. E ese é o mesmo motivo polo que estamos escribindo isto: aprendemos polas malas por non ter lido algo así antes. Especialmente o primeiro día, o vento era unha tolemia que arrastraba moita area do deserto, que golpeaba a pel como se de espiñas se tratase.
  • Pelo atado. Area e vento non só afectan á pel, así que por todo o mencionado do anterior vén este consello tamén. Por sorte, unha goma socorrida e un pañuelo fixeron o apaño para o primeiro día e o segundo xa fomos seguindo os nosos consellos.
  • Moita auga e comida. Hai dous motivos principais polos cales damos este consello: mercar dentro do recinto é carísimo e a maioría de tendas que hai no interior levan a súa mercancía explotando burros. Son os que teñen que carrexar o que os turistas vaian consumir por non decidiren estes cargar coa súa propia botella. Nós cremos que os animais non teñen que facer ese traballo por nós e animámoste a non secundar nin financiar a explotación dos mesmos, que é unha auténtica esaxeración en Petra.
  • Levantarse cedo. Ás 6 da mañá (que alí xa é de día) hai que estar na porta. Son todo ganancias. Aproveitas o día ao máximo e atópaste moita menos xente nas zonas nas que despois se encherá. Porque si, moita da xente vai só ver a zona máis famosa e accesible.
  • Entrada de dous días. Fixemos máis de 30km entre os dous días e, aínda así, nos quedou algunha ruta sen completar. Definitivamente, se queres aproveitar o teu tempo na cidade escondida, debes pasarte alí un mínimo de dous días (ou case tres). Se só queres ir ver o Tesouro e catro monumentos máis supoñemos que con un día sería suficiente, pero non sería algo que nós aconsellaríamos nunca.

COMO CHEGAR A PETRA

  • BUS LOCAL dende Amán. Esta foi a opción que nós escollemos: toda unha aventura e moi económica. Por 14JOD (uns 18€ en total, 9€/persoa) percorrémonos en 3h os 300km que separan Amán de Wadi Musa nun pequeno minibus. A estes 7JOD por persoa habería que sumarlle 5JOD (7€) que gastamos en taxis para chegar dende o hotel á estación e viceversa en cada cidade. Cremos que é a mellor opción para ir. Iso si, debes ir con tempo e con calma porque os buses xordanos tan só saen da estación cando están cheos. É dicir, ti chegas á estación, ves o teu bus, decides subirte e ata que outras 24 persoas (aprox.) non deciden facer o mesmo, non arrancas. Sen embargo, temos que admitir que das dúas veces que collemos bus local se encheu en menos de media hora. E fan parada a medio camiño para ir ao baño, comer e estirar as pernas.
  • Sempre é unha opción e dependendo do numeroso que sexa o teu grupo hai ocasións nas que será moi económico.
  • COCHE COMPARTIDO. Esta foi a versión que empregamos para facer o camiño de volta dende Wadi Musa a Amán. Funciona dunha maneira similar ao coñecido Blablacar: alguén con coche que vaia facer o traxecto decide levarte e ti compartes os gastos desa viaxe. Pero en Xordania isto tende a facerse publicando unha viaxe nun grupo de Facebook específico para iso. Afortunadamente, foi o noso anfitrión en Wadi Musa quen se comprometeu a atoparnos este coche e por 20JD (26€ en total, 13€/persoa) volvemos a Amán nun coche con uns xordanos moi riquiños.
  • EXCURSIÓNS ORGANIZADAS. Non podemos dar moitas opinións sobre isto porque en Xordania non fixemos ningunha, pero aínda que vaias por libre a este país, moitas veces no hotel ou en calquera axencia vanse ofrecer a venderche un paquete para visitar Petra por exemplo e isto tende a incluír o transporte dende o lugar no que reservas. Nunca vai ser a opción máis económica, pero pode ser a máis cómoda, especialmente se aínda non te sintes o suficientemente aventureira para coller calquera das anteriores. Todos o fixemos, ás veces valen a pena e, sobre todo, vanche axudar a seguir collendo experiencia e confianza neste mundo de viaxar. Todo é máis fácil do que parece, pero precisa tempo, ganas e, para que mentir, moitísimo esforzo tamén!

PREZOS

Como nota, os menores de 12 anos entran gratuitamente, o resto adaptámonos á táboa de prezos que segue:

Prezo de 1 día por 50JOD (64€)

Prezo de 2 días por 55JOD (71€)

Prezo de 3 días por 60JOD (77€)

JORDANPASS. Esta é a mellor opción obxectivamente falando e pola que nós optamos. A Jordanpass é unha especie de tarxeta de desconto que ofrece o Goberno de Xordania para os turistas estranxeiros. Hai tres modalidades tamén cuxo prezo varía dependendo dos días que queiras pasar en Petra (1 día por 70JOD – 2 días por 75JOD – 3 días por 80JOD). A parte positiva desta tarxeta polo que resulta tan sumamente rentable é que inclúe tamén, ademais do ticket de Petra, o visado para poder entrar a Xordania. E é que os europeos debemos pagar tramitar un visado ao chegar á fronteira de Xordania cuxo prezo ascende a 40 JOD (case 52€). É dicir, que tan só tendo en conta o prezo do visado e a entrada de Petra por separado, a suma xa é maior que o importe da Jordanpass, e normalmente todo turista que entra a Xordania necesita ambas cousas. Por iso a Jordanpass é a opción máis óptima. Ademais, inclúe tamén entradas a outros 40 lugares de interese en toda Xordania e folletos informativos para descargar. Se estás interesada en solicitar a Jordanpass podes facelo pinchando sobre estas letras.

HORARIOS

Horarios de inverno: 6am – 16pm

Horarios de verán: 6am – 18pm

Nesta grande aventura na que estamos sumidos, cremos que Xordania quizás foi unha parada para a que non estabamos demasiado preparados, xa que é realmente complicada para percorrer cun presuposto axustado de rollo mochileiro e sen coche. Sen embargo, estamos convencidísimos de que Petra vale a pena por todo e prometo que os nosos dous días alí foron dos mellores momentos neste mes que xa levamos viaxado, e está sendo tremendo. Sentimos Xordania moi cálida, non só polo clima, senón pola beleza da súa xoia máis preciada e pola amabilidade das súas xentes.

Deixamos aquí un pouco máis do que foi a nosa semana por chan xordano! Esperamos que o desfrutes!


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.