O noso paso por Tailandia foi moito máis longo do agardado. Entramos co ano apenas estreado –comemos as “uvas” no avión– e marchamos o 29 de febreiro. Dous meses que deron para moitas cousas xeniais e outras non tanto. Deses dous meses houbo un que o pasamos practicamente ao completo na cidade de Chiang Mai, coñecida como a capital do norte, e nos seus arredores.

Cremos que ese tempo é máis que suficiente para coñecer unha cidade como Chiang Mai, que é un lugar de paso para moitos turistas no cal investir un par de días pero tamén unha urbe coñecida por seres a base de operacións de moitos nómades dixitais. 

Deixámosche este mapa para que te podas orientar mellor na túa visita á capital do norte tailandés e comezamos polas necesidades básicas ao chegar á cidade.

ONDE DURMIR

Jay Guest House. Esta guest house é con diferencia a máis económica de todo Chiang Mai. No noso caso converteuse en practicamente un segundo fogar. Por 175 bahts/noite tivemos unha habitación dobre con baño compartido e ventilador. É dicir, uns 2,50 euros persoa. Ademais do prezo, o trato é exquisito. O lugar é rexentado por unha muller fantástica que se fai chamar a Mama e que mentres estivemos alí con problemas médicos se preocupou pola nosa saúde. Ao principio o seu carácter desconcertounos algo pero aos poucos conquistounos co seu sorriso e a súa positividade. Un dez.

ONDE XANTAR

Northland House. Podemos dicir que este foi un dos nosos descubrimentos estrela de Chiang Mai. Aquí xantamos e ceamos decenas de veces. E é que o seu prezo e a amabilidade de Noi, a súa dona, fan de Northland un restaurante de dez. Os prezos son baratísimos: un Pad Thai por 40 bahts (1,25 euros). Pero non un calquera, o tamaño dun prato da para que dúas persoas queden cheas. Ademais, Noi regalábanos cada día co prato de comida unha ración de sandía fresca cortada, plátanos e auga. Outro dos puntos fortes de Northland son os batidos de froitas. Por 40 bahts (algo máis dun euro) tes un batido que en realidade son máis de dous. En definitiva, que as racións son a proba de xigantes e os prezos para todas as carteiras.

Peppermint Vegetarian Restaurant. Non é difícil atopar opcións veganas en Chiang Mai, especialmente na cidade vella, pero na área nordeste, ademais do Northland, está Peppermint Restaurant, un restaurante / guest house moi familiar onde se elaboran deliciosas pizzas e lasañas veganas e moita variedade de pratos deliciosos sempre desde unha perspectiva ecolóxica e orgánica con bos produtos da zona. Os prezos algo máis altos que en Northland pero seguen sendo baixos. E de cando en cando hai que darse caprichos!

Free Bird CaféEste establecemento situado no distrito de Nimman é único. Ademais do restaurante onde preparan exquisitos pratos exclusivamente veganos elaborados con produtos de proximidade, teñen unha tenda de cosmética zero-waste e outra de roupa de segunda man onde tamén se pode doar. O mellor da iniciativa deste local é que os fondos que se recadan son destinados a programas de educación e arte para persoas refuxiadas a través da organización local Thai Freedom House.

COMO MOVERSE

En Songthaew. Este é o transporte predilecto da cidade. Son as furgonetas de cor vermello que por 30 bahts (menos dun euro) lévanche a lugares dentro da cidade vella ou relativamente próximos á mesma. Fóra da cidade os prezos varían en función do trato ao que chegues coa persoa que o conduce.

Taxi. Hai múltiples opcións para ter un taxi nesta cidade. Lévanche a calquer lado e dependendo de como e onde o contrates, pode saír máis caro. O tuk tuk pode que sexa o transporte máis caro de Chiang Mai polo seu carácter turístico.

Autobús urbano. Hai un bus urbano que se move arredor da cidade de Chiang Mai –vai ata o límite con Doi Suthep ou á estación de autobús– pero non cremos que sexa demasiado operativo xa que polo mesmo prezo podes percorrer distancias similares en Songthaew, e a verdade é que os horarios dos urbanos non están moi ben sinalizados.

Bicicleta ou moto. Moita xente opta tamén por estes medios de transporte. O primeiro soe custar uns 60 bahts/día de media (menos de 2 euros) e o segundo entre 150 e 200 bahts (ente 5 e 6 euros). Nós non nos animamos a alugalas nesta cidade.

A pé. A maioría de atraccións turísticas do centro pódense visitar a pé, xa que as distancias non son tan grandes. Para o resto probablemente si que teñas que optar por medios motorizados. O bo de camiñar é o de sempre: máis económico, mellor para o medio ambiente e mellor para a saúde.

que facer en chiang mai
O songthaew, transporte máis socorrido da cidade de Chiang Mai, subindo a Doi Suthep

Pois unha vez posto todo no seu contexto queremos contarche as once cousas que facer en Chiang Mai (e algunhas outras que non) sen deixarte a carteira no intento. Comezamos!

NO CASCO HISTÓRICO DE CHIANG MAI

1. Pasear polo Sunday Market

E dicímosche por experiencia propia –visitámolo seis veces– que paga a pena. Perderte polo mercado máis abarrotado e populoso de Chiang Mai cada domingo é toda unha experiencia. Os postos ocupan a rúa central Rachadamnoen de leste a oeste con comida típica, artesanía, roupa, postos de masaxe tailandés, e músicos por todas partes. Nós concretamente amábamos investir media hora nunha masaxe de pés por 70 bahts (2,20 euros) despois da pateada polo mercado. Se podes facer que a túa visita a Chiang Mai coincida cun domingo non o podes perder.

2. Visitar múltiples templos gratuítos

E dicímolo así en xeral porque son demasiados (máis de 300 en toda a urbe). Cremos que hai tantos que cada persoa pode ter a súa lista de favoritos. Non obstante queremos recomendarche algúns gratuítos que ao mellor non son tan populares como os de pago pero cremos que pagan a pena. Lembra que podes consultar a súa localización no mapa do inicio do artigo.

  • Wat Chiang Man. Este templo si que é dos máis coñecidos da cidade pero tamén é gratuíto. No interior do recinto ten unha fermosa pagoda con elefantes de pedra na súa base. No interior do templo garda dúas figuras de Buda con miles de anos de antigüidade. Estaba enfronte da nosa guesthouse, polo que algún día iamos á tardiña a meditar e pasear polos seus xardíns.
  • Wat Phantao. Está ao lado do famoso –e de pago– Wat Chedi Luang, pero este templo do século XIV é gratuíto e ás veces ilumínase durante as primeiras horas da noite. Conta cunha figura de Buda meditando debaixo dunha árbore que brinda unha atmosfera moi especial.
  • Wat Inthakhin Sadue Muang. Un dos templos máis chuscos da cidade vella. É moi pequeno pero non pasa desapercibido debido á súa cor negra.
  • Wat Lok Moli. Outro templo negro. Este algo máis grande, cunha entrada gardada por dous demos. Está cruzando a estrada pola porta norte e conta tamén cunha fermosa pagoda que coa posta de sol adopta cores moi interesantes.
que facer en chiang mai
Wat Lok Moli nas derradeiras horas do día
3. Clase de meditación vipassana en Wat Tung Yu

É un templo máis para visitar no centro da cidade que podería pasar desapercibido. Pero queremos dedicarlle un apartado único para recomendar as clases de meditación vipassana impartidas por David Roylance. Todos os luns, mércores e venres ás 9 da mañá David imparte desinteresadamente as ensinanzas de Buda dun xeito moi ameno e comprensible para calquera neste templo do centro. Nós aprendemos moito e ademais despois da clase fomos xantar con el a un restaurante vegano fantástico ao lado do templo. Chámase Ming Kwan vegetarian restaurant e tamén cho deixamos no mapa!

EXPERIENCIAS ÁS AFORAS DE CHIANG MAI

4. Subir ata Wat Phra That Doi Suthep

Este é o imprescindible que vas atopar en practicamente todos os blogues de viaxe que che recomenden experiencias en Chiang Mai. Non é para menos. Wat Phra That Doi Suthep é o templo que coroa a montaña a 1.073 metros de altitude con vista panorámica –se a contaminación cho permite– á cidade. A historia dos seus monxes e de como acabou sendo unha verdadeira atracción turística despois da construción da estrada en 1935 pódese descubrir aos pés do templo. Tras subir os 306 escalóns da entrada agárdache un fermoso templo cunha impoñente pagoda dourada e diversas figuras do Buda diante de frescos que representan a súa vida. Visitalo custa 40 bahts/persoa (algo máis dun euro). Ademais, a lenda da construción deste templo é unha das historias budistas máis coñecidas do país, a do Elefante Branco, que se ensina nas escolas de Tailandia.

Para chegar a Wat Phra That hai que conseguir chegar ata a entrada do zoo de Chiang Mai (podes facelo por uns 30 baht –0,95 euros–) e despois subir nos songthaews vermellos que xa agardan aí por outros 40 bahts (1,25 euros). Despois podes volver ao centro directamente en sonthaew por 50 bahts (1,60 euros).

que facer en chiang mai

5. Andaina do Monk Trail ata Wat Phra Lat

Desde os pés das mesmas montañas de Doi Suthep pódese percorrer o coñecido como Monk Trail –camiño dos monxes– que antes da construción da estrada principal os monxes realizaban para subir aos templos da montaña. O primeiro tramo é duns 2,5 km e chega ata o fermoso templo dentro da xungla de Wat Phra Lat. A subida non é moi dura e a natureza xa che rodea a poucos quilómetros da cidade. A chegada a este templo é moito máis reconfortante se se fai camiñando en lugar de en coche pola estrada principal! Así que a calzarse as botas e a gozar da natureza. E se te ves con forza podes subir ata o Wat Phra That, iso si, a dureza e distancia elévanse exponencialmente.

6. Retiro de meditación en Wat Umong

Outra das experiencias máis recomendables na visita a Tailandia é facer un retiro de meditación vipassana. Se tes interese polo mundo da meditación, a introspección e, en definitiva, o coñecerse a un mesmo, o retiro axudarache a silenciar a mente para poder escoitar o que che teña que dicir. Reconectar contigo mesma uns días lonxe do ruído, o traballo, o futuro e o pasado. Con plena atención no presente. Nós optamos por facelo no templo dos túneles, Wat Umong, como xa che contamos neste artigo falando sobre o retiro. Alí ofrecen retiros que van desde os tres días en adiante por 250 bahts/día e persoa (uns 7,80 euros). É certo que existen outros templos máis apartados e nos que só che piden doar o que consideres para facelo, pero nas nosas condicións, o programa que nos ofrecía Wat Umong foi perfecto.

7. Charla cos monxes budistas en Wat Suan Dok

Se vas estar pouco en Tailandia e non tes tempo para o retiro de meditación, ao mellor achegarte a falar cos monxes de Wat Suan Dok é unha boa experiencia para comezar a aprender principios básicos do budismo. As charlas cos monxes celébranse de 4 a 7 da tarde de luns a venres e son en inglés. É un intercambio moi beneficioso xa que eles tamén buscan aprender a lingua falando cos turistas que chegan a Chiang Mai e os turistas poden aprender sobre a vida dos monxes. Tes máis información na súa web.

8. Traballar na granxa orgánica Watchara

Non imos afondar moito nesta experiencia xa que dedicamos un artigo completo a falar dela hai unhas semanas. En resumo, podemos afirmar que pasar uns días traballando e convivindo coa familia de Watchara nesta granxa orgánica foi unha das mellores experiencias que levamos vivido nestes xa case cinco meses de viaxe. É unha inmersión completa na vida local da xente do rural das montañas tailandesas. Podes atopar máis información sobre como chegar á granxa no artigo enlazado arriba.

9. Achegarte ao Warorot Market ou ao Night Market

Próximos o un do outro, nós decantámonos por Warorot. O Night Market é pouco máis que os típicos postos de regalos para turistas. Moi ateigado de xente e pouco local. Warorot é moito máis auténtico. Alí podes ver toda clase de verduras, froitas, roupa e demais bens de consumo. Ademais, outro dos seus grandes atractivos é o baixos que son os prezos. As froitas son máis baratas que noutros mercados do centro como o Somphet Market e a variedade tamén e superior. Achegarse aquí é un xeito estupendo de ver un mercado algo máis “local”, xa que noutros como o Night Market a afluencia masiva de turistas pode romper un pouco a maxia que en Warorot segue vixente.

EVENTOS ESTACIONAIS

10. Asistir ao Festival das Flores de Chiang Mai 

Por sorte para nós, o feito de quedarnos máis tempo do esperado en Chiang Mai supuxo que puidéramos gozar de experiencias ás que non tiñamos imaxinado asistir. É o caso do popular Festival das Flores. Unha fin de semana para dar a benvida á primavera que se celebra nesta cidade, a Rosa do Norte.

A produción de flores sempre foi importante aquí. Nesta festa celebrada a primeira semana de febreiro a cidade queda tinguida de diferentes cores e bo recendo. Unha procesión de carros floreados percorre a vila durante o sábado e co paso da fin de semana sucédense espectáculos, música e actividades relacionadas con este ben tan prezado para a xente local. Toda unha festa para os sentidos!

11. Participar nas xornadas do Orgullo de Chiang Mai

Na parte de activismo non podemos esquecer unha importante xornada para a cidade de Chiang Mai como é a celebración do Orgullo.

O día 21 de febreiro de 2019, tras dez anos sen facelo, celebrouse de novo o Orgullo LGTBI+ de Chiang Mai, lembrando que hai dez anos tivo que ser suspendido polas ameaza de grupos homófobos. Nós tivemos a sorte de poder asistir este ano e coñecer a través das charlas a situación do movemento no país e as demandas dos diferentes colectivos reivindicando igualdade de dereitos. Tamén fomos ata o desfile polas rúas da cidade. Unha festa da igualdade en toda regra!

que facer en chiang mai
Desfile do Orgullo de Chiang Mai 2020

QUE NON FACER EN CHIANG MAI

Queremos concluír este artigo facendo outro tipo de recomendacións. As que evitan certo tipo de turismo con impacto negativo. E é que hai moitos tipos de turismo e turistas. No noso caso sempre optamos por viaxar do xeito máis responsable posible, tratando de crear o menor impacto nos lugares que visitamos. En Tailandia existe un grave problema de explotación animal e de contaminación. E parte deste problema vén por un turismo pouco respectuoso co entorno. Por sorte, cada vez hai máis conciencia ambiental e a xente infórmase máis á hora de visitar diferentes lugares. Por todo isto non queremos deixar de recomendarche, se queres optar por un turismo responsable, varias experiencias que estaría ben evitar.

  • NON visitar o zoo de Chiang Mai: en Chiang Mai existen varios zoos dedicados a diversos animais fóra do seu hábitat natural como o propio zoo ou o Tiger Kingdom. Visitalos é contribuír á súa explotación e recomendamos encarecidamente evitar este tipo de lugares onde os animais son explotados sistematicamente para ofrecer espectáculo aos turistas.
  • NON participar en paseos en elefante: en Tailandia o elefante é un animal moi venerado. Tamén é dos que máis sofre. Converteuse nunha auténtica atracción turística e non é raro atopar visitantes percorrendo cidades como Ayutthaya montados nestes mamíferos baixo o sol abrasador. Por culpa destas prácticas a súa poboación foise reducindo a unha velocidade moi preocupante. Segundo datos de Turismo Responsable con los Animales, en Tailandia uns 3.800 elefantes atópanse en catividade actualmente. Moitos deles son explotados con fins turísticos provocándolles incluso a morte. Segundo a ONG Elephant Family, nos últimos cen anos a poboación de elefantes asiáticos reduciuse un 90 %. Ademais, cada ano, entre 50 e 100 crías de elefante son capturadas en Myanmar para alimentar a industria turística tailandesa. Contribuír a reducir estes datos pasa por non utilizar aos animais para o gozo dun mesmo e deixar que progresen no seu hábitat natural.
  • INFORMARSE á hora de acudir a un santuario de elefantes: e isto é verdadeiramente importante debido á grande cantidade de información enganosa que hai en Tailandia. En moitos lugares ofrécenche presuntas experiencias en “santuarios” de elefantes para “axudar” aos paquidermos. A través de reclamos como o “no ride” ou “no hook”, as empresas tratan de atraer aos turistas para que participen en excursións nas que teñen contacto directo cuns animais que non deberían ter contacto directo cos seres humanos. Estas experiencias pasan por pasear ao seu carón, acariciándoos, bañarse con eles ou incluso cociñándolles sticky rice, algo que crea un impacto negativo no seu modo de vida. Tal e como sinala a organización FAADA na súa web, a clave dos santuarios está en que o protagonista da experiencia non sexa o turista, senón o elefante.

E en canto ao teu consumo diario, sempre podes optar por tratar de reducir o plástico un pouco. En Chiang Mai hai un montón de dispensadores e auga potable nos que por un só baht (3 céntimos de euro) podes reencher a túa botella con auga. Neste artigo contámosche algunha das cousas que levamos nós na nosa maleta para reducir o impacto do plástico.

E ata aquí as nosas recomendacións en Chiang Mai! Agardamos que che resulten útiles e que o teu paso por esta cidade sexa de moito proveito. Se coñeces algunha outra sempre podes deixar o teu comentario aquí abaixo do artigo ou compartilo connosco nas redes sociais.


Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

2 comentarios

TRES DÍAS NUN RETIRO DE MEDITACIÓN EN TAILANDIA | TOXÍO · 29/03/2020 ás 6:14 p.m.

[…] ser iluminar o camiño cunha lanterna: guiar. Aínda que o camiño o ten que andar cada unha. Pinchando aquí podes chegar a un artigo no que che recomendamos asistir a esa sesión. A vida e a maneira de afrontala non é algo que se poida aprender de alguén, é algo que se ten que […]

A GASTRONOMÍA DE VIAXE COMO TESOURO - TOXÍO · 21/02/2023 ás 12:05 p.m.

[…] na que estivemos un mes, na que probablemente máis gozamos investindo en descubrir a comida local. Restaurantes comoNorthland House, Peppermint Vegetarian Restaurant ou Free Bird Café permitíronnos degustar moitas das propostas da cociña […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.