Debo admitir que xogo con vantaxe sobre a maioría de seres humanos que poidan estar lendo estas verbas porque resulta que eu son minimalista.

É dicir, teño, no concepto completo da propiedade, moi poucas cousas. Isto fai un mundo de diferencia á hora de encher unha maleta co xusto e necesario. Dado que todo o que teño é de por si bastante xusto e bastante necesario. Se ti tamén es minimalista, estás de sorte! Facer esta maleta será pan comido! Se, pola contra, es como adoitaba ser eu no pasado e os “encántame!” e os “por se acaso algún día o preciso” se che acumulan na casa e, sobre todo no armario, valo ter bastante máis difícil.

De todos modos, non te empeces a desesperar e nin te preocupes!

Por iso estás lendo isto, para facerche a vida máis doada!

E é que despois de 10 anos facendo moitas maletas e dúas veces tendo que enfrontarme a unha indefinida, pulín a técnica moito. E vou deixar aquí todos os meus trucos e consellos!

Ademais, ao final deste artigo atoparás un vídeo no que mostramos a nosa maleta!

LEVA O XUSTO.

Aínda que non sexas minimalista na túa casa, na viaxe deberás selo. Non leves nada por se acaso. Nada. A non ser que queiras cargar cunha pesada equipaxe continuamente, entón sáltate este paso! Pero estes consellos céntranse en intentar que vivas con todas as comodidades de viaxe sen ter que cargar en exceso.

maleta_sen_volta
Todo o que temos vai dentro destas maletas e mochilas

TECNOLOXÍA.

Este é un apartado que depende moito da persoa. Hai xente que se apaña con só un móbil e iso está xenial. Aplica aquí a máxima de arriba de “leva o xusto” pero pensa tamén moi ben que é o que ti consideras necesario. Debes mirar que é o que se adecúa a ti e á túa viaxe e non leves o que levo eu. Aínda que de todos modos, vou contar o que levo eu por se che pode valer de inspiración, tanto por se atopas algo que che pode ser útil, como se ves algo que cres moi innecesario!

Eu viaxo con dúas cámaras (unha GoPro e unha réflex [esta lévaa Sergio na súa mochila] cos correspondentes accesorios que precisamos para elas), unha tablet, o ordenador, un disco duro externo e o meu móbil. Para o que fago preciso todo iso, se non TOXÍO non sería posible. Nin a maneira na que eu creo o que fago en xeral.

Debo admitir que quizás a tablet sexa o que menos “preciso” como tal, pero é tremendamente cómoda como ferramenta de ocio, xa que é onde levo descargados os libros para ler en formato electrónico (cargar con libros non é unha opción e a lectura é parte da miña rutina diaria) e é o medio que emprego para ver Netflix, moito máis cómoda que o ordenador, especialmente nos momentos trasladarse dun lugar a outro (avións, autobuses…). E, obviamente, tamén levo os cargadores de todas estas cousas. Pode parecer unha parvada, pero cómpre telo presente porque ocupan algo de espazo e tamén é moi doado deixalos atrás despois de cargar algo! Sei do que falo, xa que eu deixei o cargador do meu ordenador no noso primeiro destino, en Bulgaria! No vídeo do final do artigo verás ese cargador e tamén foi a última vez que eu o vin!

Tanto se decides levar moitos aparellos como se só levas un, algo importante no tema electrónico é un ADAPTADOR DE ENCHUFES. Cada país é un mundo e descubrirás que os seus enchufes tamén! A miña recomendación é que te fagas con un adaptador universal. Desta maneira cun só artefacto cubrirás a práctica totalidade de enchufes mundiais, non tendo que mercar un adaptador diferente cada vez que viaxes a un país cun enchufe diferente. Aínda que debemos confesar que dende que comezou esta gran viaxe aínda non tivemos que utilizalo! En todos os enchufes (aínda que fosen lixeiramente diferentes) encaixaron perfectamente os nosos enchufes europeos!

Co tempo aprendemos que non debemos ir de viaxe nunca sen un LADRÓN. Normalmente as habitacións contan con poucos enchufes ou o máis probable é que só teñas un adaptador. Levando un ladrón consegues poder cargar máis aparellos ao mesmo tempo. Polo que cremos que levar un ladrón (ou unha regleta, pero a nós parécenos que ocupa demasiado) salva moitas vidas. Ou baterías!

Para esta viaxe decidimos facernos cun LECTOR DE TARXETAS PARA O MÓBIL e para o ordenador. É unha pequena parvada que nos fai a vida moito máis fácil. Con este pequeno adaptador, podemos pasar as fotos directamente da tarxeta da cámara ao teléfono móbil. Tamén nos serve para non cargar co lector de tarxetas que normalmente empregábamos xa que os nosos ordenadores non as len. Ocupa pouco e cremos que axuda moito! Comodidade asegurada especialmente para aqueles que, coma nós, non facedes fotos co móbil pero si que as subides ás redes sociais a través dese aparello!

Tamén nesta viaxe decidimos mercar un ADAPTADOR PARA VARIOS AURICULARES. E é que son moitas as veces nas que nos gusta ver xuntos capítulos e películas. Ao principio da viaxe, compartíamos os mesmos auriculares utilizando un extremo cada un. Sen embargo, isto non resultaba de todo cómodo e a cantidade de ruído (especialmente nos transportes) facía que acabásemos por ler os subtítulos en lugar de escoitar! Pero con esta pequena ferramenta podemos utilizar cada un os nosos auriculares escoitando perfectamente (aínda así ás veces hai ruído externo de máis), pero seguir compartindo a mesma pantalla.

Os nosos adaptadores e ladrón sobre a nosa cama de Chiang Mai

BOTIQUÍN.

Parece que esta palabra non se atopa recoñecida pola RAG, pero cremos que “armario de medicamentos” non se adapta moi ben ao que queremos comunicar e seguro que por botiquín entendemos todas!

E cremos que é moi importante e nós non escatimamos en deixarlle un bo espazo na maleta. Ocupa, literalmente, ¼ da miña.

Levamos profilaxe de malaria para parar un tren. Esta ocupa a metade do espazo do botiquín. A min ensináronme iso de que “máis vale que sobre que que falte” e no único que o aplico na maleta é co referente á saúde. Porque a pesar de que o outro día falaba no artigo sobre se “É SEGURO VIAXAR Á INDIA?” de que son unha temeraria no tema de precaución na comida, no resto de aspectos todos son moi coidadosa.

O resto do botiquín é moi básico e debemos indicar que todo o que se atopa dentro del foi prescrito por un profesional da medicina, quedando claro sempre que antes de tomar ningún tratamento debemos poñernos en contacto coa nosa médica. Aínda que tamén nos encargamos que tanto a nosa doutora de medicina xeral como a doutora do Centro de Vacinación Internacional (que che recomendamos que visites sempre antes de abandonar o país) nos indicasen como deberíamos proceder en caso dalgunha urxencia na que non poidamos poñernos en contacto con elas.

O botiquín consta de analxésicos, gasas, betadine, tiritas… O básico que poidas atopar en calquera botiquín, vaia!

ROUPA.

Un día lin en palabras de Antonio, de Inteligencia Viajera, que unha maleta faise igual para unha semana que para un ano. E non podo estar máis de acordo! Non penses en todo o tempo que vas pasar fóra, pensa na versatilidade que moitas prendas prestan e na cantidade de lugares nos que poderás lavar a man/lavadoras que te atoparás no camiño!

O que si debes ter presente neste apartado é que tes que saber a onde viaxas. Nós sabíamos que non íamos viaxar a zonas moi frías, pero tamén que non íamos estar en áreas tan só cálidas. Así que fixemos o noso armario o máis versátil posible. Con prendas que nos facilitasen a vida e fosen cómodas en calquera situación.

Toda nosa roupa é cómoda e adecuada, tanto para climas, como para evitar picaduras de mosquitos como para as culturas que visitamos. Hai que ter todo en conta! Se queres ver un pouco máis a roupa concreta que decidimos levar non tes máis que ver as nosas fotos ou pararte a ver o vídeo do final do artigo onde ensinamos todo!

O broche de ouro que ambos mercamos foi o noso 3 en 1, que é un impermeable con forro polar que se pode combinar. Esta prenda sérvenos para o frío cando está montado. Vale para chuvia con calor quitando o polar interior. Ou temos un simple polar cómodo cando fai un pouco de fresco pero non queremos ter un impermeable posto! Moi recomendable!

E que nunca se che esqueza o traxe de baño, por favor! Da igual o frío que sexa o clima do lugar ao que viaxas ou o pouco que creas que o vas utilizar. Non ocupa case nada e sempre existe a posibilidade de que pase. Unha mínima posibilidade é suficiente para cargar co traxe de baño. É a única peza na que non aplicaría iso que expliquei ao principio de “non se leva nada por se acaso”. Sempre hai que levar un traxe de baño, aínda que sexa por se acaso. Sempre hai que viaxar coa posibilidade de que un mergullo caia! A non ser que odies bañarte, entón igual podes obviar este consello. Non o entenderei, pero respectareino.

CALZADO.

Témolo claro. Só dous pares de zapatos: chancletas e o zapato cómodo que usaremos para absolutamente todo. Eu recomendaría unhas botas de trekking, pero nin eu as levo (na casa do ferreiro coitelo de pau!). A verdade é que non me vai nada mal cunhas zapatillas normaliñas e baratas coas que arrinquei da casa pensando que non me ían durar nin dúas semanas. E pensaba comprar as botas de trekking nalgún punto do camiño. Sigo con esa idea en mente, pero nin as botas idóneas apareceron nin as miñas zapatillas dixeron “Basta!” aínda. Así que seguimos!

Actualmente estamos pensando en mercar algún tipo de zapato máis fino que caiba en calquera esquina da maleta, xa que o outro día nos vimos no hospital cos zapatos cheos de terra e pouco presentables e chegamos á conclusión de que unhas alpargatas para as situacións dese estilo non virían mal. De todos modos, non sei se chegaremos a cumprilo.

HIXIENE.

A toalla é algo que nunca debe faltar. Aconsellamos unha que ocupe pouco, pero que sexa funcional. Aínda que este tipo de toallas sempre pareza que non secan nada! Pero si que secan, ocupan pouco e zafan de moitas! É sempre socorrida tanto para praias, piscinas, termas ou calquera lugar no que decidas darte un mergullo. Como comentei cando che recomendei levar o traxe de baño, nunca sabes onde pode caer! Ademais, a toalla é moi recomendable se decides aloxarte en campings, Airbnb, Couchsurfing ou en calquera hoteliño no que non che faciliten toallas. Ás veces por pagar menos pasan estas cousas. E probablemente prefiras aforrar que non levar a toalla!

Aquí pódese abrir o debate de se é adecuado levar os propios produtos de hixiene ou aproveitarse dos que nos facilitan nos hoteis. Eu son partidaria de levar os meus propios/de mercalos no camiño e intentar evitar os que me facilitan, aínda que admito que ás veces caio. Sen embargo creo que é mellor evitalos porque o impacto ambiental que teñen as pequenas doses dos produtos é maior que o de comprar un produto de máis tamaño. E a maioría de produtos son testados en animais e non veganos. Ademais de que haberá aloxamentos que non faciliten estes bens de aseo. E a calidade adoita non ser moi boa. Son moitos os motivos os que me levan a cargar cos meus propios produtos de hixiene persoal, pero especialmente o feito de non contribuír ao maltrato animal. Eles non son os que teñen que pagar que unha queira andar de viaxe dun lado para outro!

Para min algo importantísimo que non pode faltar na maleta en torno á hixiene é xabón para lavar a roupa a man. Nunca na miña vida tanta roupa lavara. E nunca tan limpa andei. E é que o bo e o malo de ter pouca roupa é que nunca se che pode acumular demasiada sucia. Así que, aínda que de vez en cando xuntamos bastante e poñemos unha lavadora, en xeral imos lavando día a día a roupa a man. En climas como nos que nos atopamos agora é realmente doado! Podes lavar a roupa ao final do día e tela seca pola mañá!

Se decides levar os teus produtos contigo, deberías levar tamén algo no que gardalos. Nós empregamos un bote vello de crema hidratante para levar as pastillas de xabón. Así van ben gardadas, non se manchan e están sempre listas para poder usar!

Despois entramos no básico, non? Cepillo do pelo (para quen queira cargar con el, claro), cepillo de dentes, pasta de dentes, cortauñas, lima, bastonciños… Esta lista será na que a maioría coincidamos e na que cada un saberá o concreto que quere levar!

E unha moi boa recomendación que podo dar para pechar este apartado é a copa menstrual. Se tes a menstruación, claro. Foi unha inversión que fixen o ano pasado e me fixo a vida máis fácil xa na casa, pero especialmente viaxando. Ademais de todos os beneficios que ten para a saúde e para o medio ambiente (que son moitos, se non os coñeces recoméndoche que indagues un pouco sobre o tema) é moita a comodidade que aporta na túa viaxe. Ademais de facerche todo máis barato, xa que non gastarás nin un euro en compresas nin tampóns, que non sempre atoparás en todas partes.

MISCELÁNEA.

Maleta /mochila: o que vén sendo algo no que levar todo. Eu actualmente teño unha maleta (rota dende que cheguei á India) pero cando esta morra probablemente herde o seu posto unha mochila. Creo que a elección entre unha e outra é algo moi persoal e a pesar de que o rolliño mochileiro venda que a mochila é moito mellor, teño as miñas dúbidas. Pois son unha mochileira sobre rodas e non creo que me vaia de todo mal. Si que é certo que hai en ocasións nas que cunha mochila tería ido moito máis cómoda, pero tamén creo que a comodidade de facer rodar unha maleta por moitos outros sitios non ten prezo. O de sempre, unha elección persoal. O que si que recomendo é que, sexa cal sexa a túa elección, sexa pequena. Que non ocupe máis que a equipaxe de man que poidas levar arriba no avión: isto fará que leves poucas cousas e que che saia máis barato movelas xa que nunca terás que pagar por facturar equipaxe!

Mochila “pequena”: digo pequena en comparación coa anterior, pero non demasiado. Eu conto cunha mochila “normal”. Do estilo das que calquera levaría ao colexio e paréceme un tamaño moi cómodo. Nesta mochila levo as cousas importantes e fráxiles nos traslados (pasaporte, diñeiro, ordenador, libretas…) e utilízoa para levar ás excursións dun día o que podo necesitar: documentación, diñeiro, auga, comida…  

Bolsas e máis bolsas: de rafia, de tela, pequenas, de plástico… Nós levamos de todo! E utilizámolas un montón. A bolsa de rafia empregámola especialmente para levar comida cando viaxamos e tamén para facer a colada. Moi útil. As bolsas de tela e pequenas empregámolas para ir ao mercado e ao supermercado sen ter que utilizar as de plástico. E as veces a modo de bolso tamén! E as de plástico para levar cousas que poidan mollar ou como bolsa do lixo!

Bolsos/bolsas/neceseres/separadores: para organizar TODO dentro da maleta. Parece engadir moita cousa, pero o orde fai un mundo de diferencia en xeral. Especialmente cando todas as túas pertenzas caben nunha maleta de 55x45x25cm.

Organización dun dos lados da miña maleta

Libretas e bolígrafo. Para nós nunca poden faltar na mochila. A inspiración chega en calquera momento e sempre está ben ter onde plasmala. Ademais, nunca faltan consellos da xente para ir a sitios que unha vez chos pronuncien non vas recordar ou a necesidade de apuntar calquera cousa. Mellor ter onde!

Carpeta, sobres e folios. Máis do mesmo, pero a nivel máis organizativo. Admito que esta igual non é útil para moita máis xente que para min. Emprego os sobres como organizadores onde poño papeliños sobre o tema que decidín tratar nese sobre. Por exemplo, se teño un sobre co nome “Próximos artigos de TOXÍO” haberá dentro listas, ideas, títulos… E os folios utilízoos para escribir grandes textos que non caben nas libretiñas cando non me apetece escribir no ordenador. Repito, creo que son raiadas miñas e non sei como de útil lle pode resultar ao resto do mundo. Pero eu non tería saído da casa sen isto.

Cubertos, tuppers e botellas. Son extremadamente útiles por dous motivos. O primeiro é ambiental, pois ao levar os teus propios útiles de cociña non necesitarás utilizar aqueles de usar e tirar que che ofrecerán en moitos postos nos que decidas comer. E o outro motivo é económico e funcional, xa que ao ter os teus propios útiles poderás multiplicar por moito as túas opcións comendo nun supermercado aínda que non teñas cociña. Sobre isto falamos moito máis neste artigo no que compartimos contigo os nosos 10 TRUCOS PARA COMER BARATO DE VIAXE.

Sobre para gardar documentos e papeis importantes. Hai moitos documentos escorregadizos pero importantes que non vas querer ter que andar buscando por calquera peto da mochila onde crías que estarían seguros. O ideal é ter todos eses documentos importantes nun mesmo lugar, sen a posibilidade que se mesturen con papelorios sen máis. Que xuntarás, da igual a de veces que digas que non pasará e o a diario que limpes os petos da roupa ou o da mochila. Sempre atoparás algún ticket ou algunha entrada que non tes por que gardar. Pero haberá veces que haxa recibos que si que tes que gardar e non deberías tirar nun despiste. Por iso nós gardamos todo o importante no que nós chamamos “O SOBRE” aínda que non é un sobre (deixamos a foto abaixo), pero unha boa opción para isto é calquera carpeta ou sobre normal (tanto de papel como de plástico). Aí temos os carnés de conducir internacionais, a cartilla de vacinación internacional, tarxetas sanitarias nacionais e europeas, facturas que necesitamos que nos reembolsen, a copia da póliza do seguro… Todo o importante, vaia.

Tamén levamos aí os pasaportes cando viaxamos. Se non os pasaportes sacámolos e poñémolos en calquera lugar que vaiamos levar con nós, xa que nunca se pode saír da casa sen documentar.

O "SOBRE"

Carteira extra. Para levar a divisa do novo país. E é que na nosa carteira tendemos a ter moitas tarxetas e, eu polo menos, divisa do meu país. Para facer a vida máis cómoda e ser conscientes todo o tempo da cantidade de divisa local que nos queda, nós empregamos un moedeiro que fixo artesanalmente miña nai, no que poñemos tanto billetes como moedas. E un papeliño no que eu levo escrito na lingua do lugar “son vegana, non consumo nada de orixe animal” para mostrar nos restaurantes nos que non falan inglés!

Correa para chaves. Unha parvada máis, pero que a nós nos parece útil e comentamos como curiosidade. Nós temos un do Carballo Interplay e carga coas chaves de todos os aloxamentos nos que nos quedamos. A Sergio gústalle porque ás veces leva as chaves colgadas do pescozo. A min porque cando o poño no peto pequeno da miña mochila me resultan moito máis doadas de atopar. Polo motivo que sexa, os dous coincidimos que foi todo un acerto traelo!

Cadeado/Fecho: Haberá en albergues ou Guest Houses nos que o agradezas moito. Ou incluso nalgún hotel que non teña fecho! E é que por estas terras as portas tenden a pecharse con cadeado. E haberá nalgúns (a maioría no noso caso) que che faciliten o cadeado, pero haberá outros (como xa che contamos neste artigo sobre a seguridade na India) que non. E entón terás a opción de deixar aberta a habitación/o lugar no que almacenes as túas cousas ou aí agradecerás ter levado un cadeado. Cousa que recomendamos moito. Porque unha cousa é confiar e haberá contextos nos que poidas facelo con tranquilidade e outra é ser completamente temerario, onde ata nós che aconsellamos medirte!

Máscara. Agora estase disparando o seu uso por outros temas e non está de máis protexerte de enfermidades. Pero o motivo principal polo que nós recomendamos levar unha máscara contigo é polos altos de niveis contaminación que te atoparás ao longo do camiño, especialmente se decides visitar algunha cidade asiática poboada. En India foi onde nós mercamos as nosas porque respirar pode chegar a resultar tarefa complicada!

E ata aquí chegan as nosas pertenzas, que son moitas pero ocupan pouco! E, sinceramente, quen sabe vivir con pouco sabe valorar moito. E nesas andamos. O minimalismo foi algo que pouco a pouco se foi colando na nosa vida (especialmente na miña, xa que antes todo o que puidese comprar baratiño me flipaba. E Sergio a verdade é que nunca foi fascinado polo material) e que non pensamos deixar marchar. A cada paso desta aventura somos máis conscientes do tremendamente afortunados que somos por todo o que temos e sabemos que non necesitamos moito máis. E tendo pouco, temos todo.

Estes son os nosos consellos. Esperamos que isto che sirva de inspiracións e che resulte máis fácil facer a maleta a próxima vez! Xa nos vas contando, que nos encanta escoitarche! De feito, dinos, como te levas ti coas cousas materiais? Es das que leva a casa ás costas cando sae de viaxe?


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *