Cando unha chega a Exipto faino coas expectativas moi altas: a única marabilla do mundo antigo en pé, o legado dos dourados tempos dos faraóns. Unha vai coa idea de visitar impresionantes templos, co Nilo como arteria chea de vida, que os vai unindo ata morrer no mar Mediterráneo.

Admitímolo, chegamos coas expectativas polo ceo. E como sempre que imos así aos sitios, sabíamos que as posibilidades de que non se cubrisen eran case máis altas que as nosas ilusións. Porén, Exipto cumpriu completamente todo o que esperabamos del. Impresionounos cada pedra, cada relevo nelas. Fascinounos o simple feito de estar alí, especialmente navegando o río Nilo. E, tal como se podería augurar, alucinamos coas Pirámides de Exipto. Pode que especialmente coa Gran Pirámide de Giza, tamén coñecida como Keops, por ser este o faraón ao cal lle serve de tumba.

Exipto é sen dúbida unha viaxe que nos inspirou moito. Era tamén a primeira vez que Sergio saía do continente e isto arrastrou unha emoción e reflexións interesantes que xa compartimos contigo neste artigo. 

Pero deixemos de falar do marabilloso que foi todo e entremos en QUE foi todo. A continuación compartimos a ruta que nós fixemos na semana que tivemos para visitar tan monumental país. 

Aterramos en Luxor, no centro do país, pegadiño ao Nilo onde nos pasaríamos os próximos 4 días facendo un cruceiro por un dos ríos máis longos do planeta (que non o máis longo, dato coñecido dende fai uns anos cando se recoñeceu que era o Amazonas o que realmente ostenta este título). Este cruceiro serviunos para ir conectando cada templo, acortando as distancias, aínda que ao saír de porto tendíamos a movernos en bus. Ademais, o simple feito de navegar o Nilo é unha experiencia moi agradable.

O primeiro día foi o máis cargadiño con diferenza. Espertamos vendo o amencer no Nilo ao tempo que o cruzabamos nunha barquiña, para coller un bus que nos levaría ao Val Dos Reis. Aí atoparíamos as tumbas de antigos faraóns escarvadas na terra: unha longa pasarela costa abaixo con centos de relevos nas paredes, para chegar a unha sala cun sarcófago dentro doutro sarcófago e, moitas veces, dentro de máis, para que dentro do máis pequeno repousase o corpo do faraón. E nesa sala: riquezas, riquezas e máis riquezas. A tumba máis famosa deste val é a que se atopou sen que os “saqueadores” se levasen todo o de valor. Ou sexa, que se supón que se atopaba como Tutankamón fora enterrado. Pero escribo “saqueadores” entre comiñas, porque pouco tardou o goberno exipcio en mover todo o atopado á capital e actualmente pódese atopar no Museo Exipcio do Cairo (a onde iremos máis abaixo).
Preto do val atopamos o Templo de Hatshepsut, diante da montaña, con terrazas graduadas que alcanzan os trinta metros de altura. Cada nivel está formado por columnatas, precedidas por estatuas. Estas terrazas están conectadas por unha gran rampla central, que na antigüidade estaba flanqueada por xardíns de plantas exóticas.

De volta a Luxor cruzámonos cos impresionantes Colossos de Memnón, que son dúas impresionantes estatuas de pedra dunha altura total de dezaoito metros que representan ao faraón Amenhotep III, mirando ao leste en dirección ao río Nilo e ao Sol nacente.

Chegamos á cidade de Luxor (que é a antiga Tebas) onde nos atopamos co seu templo homónimo. Na entrada hai un grande obelisco que recordabamos ter visto nun contexto completamente diferente. Efectivamente, antes había dous obeliscos nese emprazamento, pero un deles foi levado a París e pódese ver actualmente no centro da Praza da Concordia.

Conectado por unha pasarela de tres quilómetros gardada por estatuas con corpo de león e cabeza de carneiro con cornos retorcidos atopamos o Templo de Karnak, o máis grande de todo Exipto. Dos máis impresionantes, non cabe dúbida.

Acabamos o día e volvemos ao barco. Foi moi grande e intenso. Xenial. Mañá toca baixar o ritmo.

Levantámonos para ir ao Templo de Edfú. Este templo é o segundo máis grande de Exipto, despois do de Karnak, e o mellor conservado. Bonito a rabiar. O templo de Edfú chamounos tamén a atención pola barca solar que alberga. Teoría exipcia para explicar o movemento do sol que nos ten namorados. A barca solar é un elemento da mitoloxía exipcia vinculado ao ciclo diario do sol e ao demiúrgo que asociaban con Ra, símbolo da luz solar, dador de vida e responsable do ciclo da morte e da resurrección.

Para os exipcios da antigüidade, o ciclo perpetuo da saída e a posta do Sol é equiparable ao ciclo da vida e da morte. Así, cada mañá o Sol nace en oriente e envellece ata occidente, para despois desaparecer no reino dos mortos. O deus solar Ra realiza esta viaxe diúrna nunha barca coñecida como a Barca de millóns de anos. Porén, Ra non descansa ao atardecer, pois comeza outra aventura, esta vez subterránea, a bordo doutra barca. Atravesa o reino dos mortos durante as doce horas que dura a noite, enfrontándose coas forzas do caos.

Os exipcios da Antigüidade imaxinaron que asociándose co deus solar no momento da súa viaxe perpetua a bordo das barcas sagradas, as súas almas vivirían eternamente. Así é como o culto funerario quedou fortemente marcado por este mito solar, o que nos permite entender moitísimo desta extraordinaria cultura. Por exemplo, porque normalmente as tumbas se constrúen sobre a ribeira occidental do río Nilo, onde “morre” o Sol.

Despois de visitar tantísimo en tan pouco tempo e ir adquirindo tal cantidade de coñecementos sobre o Antigo Exipto, tocou pasarse a tarde descansando a bordo do barco no Nilo. Visitamos esa mesma tarde o Templo de Kom Ombo (literalmente, crocodilo). Desfrutamos dun precioso atardecer, dunhas breves compras nun mercado turístico e, tras unha rica cea, tirámonos na camiña. Mañá toca madrugar como nunca o fixeramos.

Levantámonos á 1 da mañá para, tras 300km en bus, visitar un emprazamento arqueolóxico dos máis interesantes: Abu Simbel. Fórmano un par de templos escarvados na pedra. O templo máis grande está dedicado ao faraón Ramsés II (a quen están dedicados gran parte dos monumentos que visitamos en Exipto) e o outro templo está dedicado á súa muller, Nefertare. Ambos están actualmente situados á beira do Lago Nasser, na fronteira con Sudán. Dicimos actualmente porque estes templos foron movidos pedra a pedra para reubicalos sobre o nivel do futuro lago Nasser, xa que este variaría pola construción da presa de Asuán e, de non telos movido, estes templos estarían a día de hoxe no fondo do lago.

Para afrontar tal traslado, a UNESCO realizou un chamamento internacional para salvar os templos e España foi un dos catro países que respondeu de maneira máis significativa. En compensación, Exipto regalou a España o Templo de Debod, que podemos atopar a día de hoxe en Madrid.

Madrugar valeu a pena completamente. Recordamos a maneira de incidir a luz que ía aparecendo e proxectándose sobre a parte frontal dos templos como dos efectos lumínicos máis bonitos que vivimos no país.

Ao atardecer, achegámonos ao Templo de Filae, situado nunha illa, aínda que tampouco era inicialmente a súa ubicación. O comezo do atarceder dende unha barquiña e, un chisco máis tarde, dende a illa foi máxico. E o espectáculo de luces contando a historia do tempo non foi alucinante, pero tampouco estivo nada mal.

A mañá seguinte deixámonos levar polo río nunha pequena embarcación típica chamada faluca, que se move co vento, ausente esa mañá que o fixo todo un chisquiño complicado. Porén, desfrutamos da mañá cantando cancións nubias e despois paseando polo mercado da cidade de Asuán. Mercado de locais, onde puidemos cheirar a maxia típica da vida cotiá africana.

Así pechamos a nosa ruta polo cauce do Nilo no sur do país. Esa mesma tarde collemos un voo dende Asuán á capital do país: O Cairo. Grande e caótica.

A primeira visita foi obrigada e un dos principais atractivos que levan á xente a visitar este país: as Pirámides de Giza. Tan impresionantes como o parecen, se non máis.

Desprazámonos despois a Menfis Mit Rahina que foi a capital do Imperio Antigo de Exipto. Alí atopamos un museo ao aire libre no que destacaba unha tremenda estatua de Ramsés II (como non) feita de pedra calcaria cun tamaño de 10 metros. Orixinalmente eran 13, pero un terremoto fixo que perdese as pernas, que xa non se conservan, polo que está deitada. Pode non parecer moito, pero a nós si nolo parece, especialmente se temos en conta que esta gran figura foi esculpida fai máis de 3000 anos e que a súa conservación non foi a idónea, e sen embargo os detalles da obra son alucinantes.

Deixámonos caer despois de xantar en Saqqara, onde se atopa a Pirámide Escalonada de Zoser. Esta foi o prototipo das pirámides de Giza e das restantes pirámides exipcias. Cando foi edificada, fai máis de 5000 anos, foi a construción humana máis alta do planeta, chegando a alcanzar os 60 metros de altura.

Rematamos de deleitarnos co que os tempos faraónicos tiñan para nós visitando o Museo Exipcio do Cairo, onde podemos atopar ben conservadas innumerables pezas do Antigo Exipto.

Quedou para o final a visita a moitas das cousas que O Cairo garda, nin todas, nin sequera moitas, pero dounos para recibir unha viva pincelada do que a cidade alberga. Visitamos a Mesquita do Alabastro, cunha panorámica da cidade coas pirámides ao fondo moi recomendable. A cidade dos mortos, que adoitaba ser un cemiterio ata que a xente que non tiña posibles se mudou ás tumbas para poder sobrevivir. O gran bazar, toda unha aventura sexa no país que sexa. E dentro del, a Cafetería dos Espellos (“El Fishawy”), tan inspirador que destaca porque Naguib Mahfuz se sentaba neste recuncho do Cairo a escribir historias que o levaron a ser recoñecido co Premio Nobel de Literatura en 1988.

Rematamos a nosa visita visitando, valga a redundancia, o barrio copto. Copto fai referencia aos exipcios que profesan algún tipo de fe cristiana. O de sempre. O choque cultural no seu máximo nivel: o choque relixioso. Este artigo xa se vai quedando algo longo para profundizar neste tema, pero chegará o día de facelo. Prometémolo.

Por se te preguntas como moverse desta maneira dentro do país, nós só atopamos unha maneira realmente cómoda e “barata”, tendo en conta todo o que había que ter: os templos están moi separados, os voos a Exipto son difíciles de atopar e é unha viaxe de por si pouco accesible. A nosa opción foi contratalo con axencia, non sendo esta nunca a mellor forma de como nós organizaríamos unha viaxe, pero sendo a única opción que atopamos como adecuada dentro do contexto que manexábamos naquel momento.

Imos admitilo: a axencia fai a vida moito máis fácil. Non te preocupas por nada. Arránxanche o visado, resérvanche os voos, os hoteis, fánse cargo da túa comida, das entradas aos templos, do teu guía que che acompañará ao longo da túa semana… TODO. Porén, es un carameliño en grupo pechado que viu moitos monumentos exipcios e sabe moito de como vivían os faraóns fai milenios, pero ten máis ben pouca idea do que é a cultura exipcia ou do que é pisar África.

Exipto é maxia. Pero África ten moito máis que ofrecer. Algún día volveremos a falar deste continente para poder transmitirche todo o que debería evocar.

Se tes dous minutiños, deixa que compartamos a nosa visión en movemento contigo:


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

1 Comment

Que ver en Istambul zona por zona | TOXÍO · 10/11/2019 at 7:12 p.m.

[…] Hipódromo. Situado no lateral da mesquita. Ou suponse que aí estaba. Conservase pouquiño pero resulta interesante pararse a botar un ollo. Temos aquí un obelisco traído do Templo de Karnak, en Exipto. Se che gustaría ler máis sobre ese templo, podes facelo pinchando aquí e (re)lendo o artigo sobre a nosa ruta en Exipto. […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *