Se te fixeches esta pregunta seriamente algunha vez: benvida ao clube!

Son sincera, pode que non lle dera demasiadas voltas antes de vivilo. Interioricei a nosa primeira longa viaxe por estrada (tres semanas recorrendo Portugal) como eu interiorizo cada viaxe: inercia que vai molar. Pero desta non te podes imaxinar canto me equivoquei. Bueno, ao mellor non TANTO e estou esaxerando. Pero prometo que inercia non foi, e a pesar de ter molado moitísimo (téñolle un cariño moi especial a esa viaxe) non vou negar que foi difícil.

Alguén dixo algunha vez que se queres coñecer a unha persoa de verdade debes viaxar con ela algunha semana. E razón non lle faltaba. Creo que as viaxes sacan todo o que de verdade somos. E compartir 24 horas diarias cunha persoa nese contexto non deixa nada para a sorpresa: o mellor e o peor de nós refléxase aquí. A nosa valentía, os nosos medos, moitas das nosas capacidades. Téstanos coma nada. Déixanos mostrarnos como somos. E, tes que lidiar con isto saíndo doutra persoa tamén.

Tomar decisións sempre é un reto. Tomar decisións durante 24 horas diarias durante 21 días tendo que coincidir estas coas da outra persoa pode selo aínda maior.

Pero, ao final, o IMPORTANTE (en grande e ben destacadiño, porque é chave) é saber con quen viaxas. Debes saber cal é a súa maneira de viaxar e esta debe ser parecida á túa, se non vas encamiñada a non desfrutar a túa viaxe, ben porque non podes conseguir que a outra persoa desfrute do que ti queres facer, ben porque cedes en facer o que a outra persoa quere. Conclusión? Ningún dos dous desfrutades plenamente do que poderiades estar desfrutando.

Entón, antes de realizar unha viaxe desta envergadura con outra persoa (aínda que sexa a túa parella) debes saber que queredes. Que rolliño levades. Con que desfrutades. Hai parellas que levan anos xuntos e se queren un montón, pero non poden vivir este tipo de cousas xuntos. E ollo, non hai problema con iso. Cada un debemos saber que cousas podemos (e desfrutamos) compartindo con cada unha das persoas coas que temos relacións (de calquera tipo que sexan).

E despois de todo esta parrafada intensa, vou ás cousas que me parecen chave e que eu fun aprendendo na miña andadura de roadtrips con Sergio. Dende aquel verán de 2017 recorrendo Portugal de norte a sur, a este outono de 2019 no que decidimos empezar unha viaxe sen billete de volta pasaron moitos meses, moitos quilómetros de estrada e moitas ensinanzas.

As chaves para min son:

Coñecerse (ou ter ganas de). Básico. Moitas veces polo feito de que alguén sexa a nosa parella parece que xa non hai segredos nin nada máis que descubrir. ERRO. Non nos coñecemos a nós mesmos como para coñecer plenamente a outro ser humano! Síntoo se lle quitei intensidade a algunha historia persoal de almas xemelgas. Non vou negar eu o amor nin a maxia especial entre dúas persoas. Pero baixemos á Terra e recordemos á angustia de ser humano. Todos temos comportamentos que nós mesmos aborrecemos, hai días nos que non nos soportamos e reaccións que nin nós mesmos entendemos. E isto lle pasa á persoa coa que compartimos a vida tamén. Coñecer cada unha destas cousas é moi importante. No roadtrip e na vida.

Empatía. Isto está relacionado co anterior. Non todos reaccionamos igual a iguais estímulos. Cada persoa somos un mundo e é a nosa labor entender como o entende a outra persoa. E dar a entender como o entendemos nós. Parece un lío pero a conclusión é escoitar e entender. Ou se a outra persoa non fala, entender igual. Que somos moitos os que nos poñemos farrucos atrás dun “nada”. (Eu confeso!)

Escoitar. Relacionado co anterior. Chave, chavísima.

E querer. En todos os sentidos e extensións da palabra. Non todo o mundo está preparado para vivir 24/7 con outra persoa. Nin para pasarse 21 días compartindo un espazo minúsculo. Nin para vivir co mínimo porque 300€ é todo o que tes para pasar o mes. É un reto. Un reto que nós quixemos vivir e superamos. Pero non un reto que todo o mundo teña que superar. Antes de embarcarvos na aventura, pensade se é o que realmente queredes.

Despois do noso primeiro roadtrip (do cal falaremos máis obxectivamente falando de recorrido e esas movidas nalgún post futuro) fómonos vivir xuntos. E ata agora. Con moitos máis roadtrips ás espaldas, proxectos e ganas de vivir no camiño. Así que por difíciles que sexan os comezos, conducide cara aquelo que queredes. Se de verdade o queredes.

Todo chega.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

1 Comment

Que ver en Portugal: ruta de norte a sur | TOXÍO · 27/10/2019 at 6:40 p.m.

[…] viaxe percorrendo Portugal de norte a sur en 22 días foi moi especial para nós e, tal e como che contou Nuria a semana pasada, foi unha experiencia única de convivencia viaxeira  Deixámosche co noso resumo audiovisual de Portugal en tres minutos. Se tes algunha dúbida nin o […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *