Ola, encantados.

Se estás lendo isto, de verdade que o estamos. Significa que lle acabas de dar unha pequena oportunidade a este proxecto que temos entre mans que é TOXÍO. Un anaquiño de nós e da nosa vida. Unha gran parte das nosas viaxes, que significan tanto.

Non podemos adiantarvos demasiado do que ides ver aquí, porque nin nós o sabemos.

O próximo mes de outubro collemos a mochila ao lombo (en sentido figurado, que levamos a maletiña en rodas) e voamos ao leste. Pararemos en Bulgaria, en Estambul e en Atenas, que nos servirán de porta a Asia, onde temos pensado pasar os próximos meses.

Cantos? A pregunta que máis nos repetiron nos últimos tempos. E non a podemos contestar porque NON O SABEMOS! Nin queremos sabelo aínda!

Esta é unha gran aventura na que decidimos embarcarnos collidos da man sen moitas ganas de mirar para máis que para o que temos diante: un voo a Bulgaria. A idea é coller cada momento como o que é: unha experiencia única que non se vai a repetir no momento no que a estamos vivindo. E así con todas.

Sabemos que a vida é algo marabilloso á par que duro (ou iso foi o que fomos aprendendo ao longo destes vinte e pico de anos en cada corpiño). E queremos seguir saboreándoa en todas as esquinas.

Pero non adiantemos demasiados acontecementos, que xa estamos faltando un chisco á nosa palabra. E é que como vos dixemos, esta gran aventura non comezará ata finais de outubro, polo que teredes que esperar uns mesiños para saber máis.

TOXÍO empeza dando as boas novas de futuro, PERO mirando ao pasado: son xa 9 os países que visitamos xuntos (e toda unha vida que tivemos antes de atoparnos no camiño), polo que estas semanas previas ímolas dedicar a deixarvos cachiños do xa vivido, quecendo motores para todo o que vén.

Espero que decidas acompañarnos,

 IMOS!


3 Comments

Raquel Espasandín · 08/09/2019 at 8:17 p.m.

“É perigoso, Toxío, cruzar a porta. Pos un pé no camiño, e se non coidas os teus pasos, nunca sabes a onde te poden levar”.

    TOXÍO · 08/09/2019 at 8:53 p.m.

    E sempre hai que lembrar que tan só nós podemos decidir que facer co tempo que se nos dou

A miña primeira vez fóra de Europa | TOXÍO · 22/09/2019 at 6:46 p.m.

[…] Por iso recoméndoche (non a modo de típica terapia blogueira de coaching barato, se non coma unha suxestión entre amigos) o seguinte. Se estás pensando en saír por primeira vez fóra de Europa e o único que che frea é o medo. Se temes atravesar o horizonte de eventos pero tes esa sensación de curiosidade que che ataca cando ves vídeos doutros lugares, cando escoitas outras linguas e cando outras persoas che falan das marabillas máis aló dos teus catro horizontes coñecidos. É hora de lanzarte. De valorar as túas posibilidades, de buscar a túa oportunidade e de comezar cun pequeno primeiro paso cara o novo. É a hora de avanzar cara o horizonte de sucesos e transformar o medo en curiosidade. […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SUBSCRIPCIÓN SEMANAL GRATUÍTABoletín de novas de TOXÍO

Déixanos o teu mail se queres que che contemos as nosas aventuras!