A primeira vez que saín do país fíxeno para pasar tres semanas de verán en Inglaterra. A primeira vez que saín do continente e crucei o océano foi para pasar exactamente o mesmo tempo en Canadá. En ambos casos fun becada para facer un curso de inmersión lingüística no estranxeiro.

A aventura na que estamos mergullados Sergio e eu (o que ven sendo TOXÍO) pode non parecer de todo nova para min, xa que non é nin a primeira vez que cambio de país (xa van 26 na miña lista), nin de continente (van 4), nin sequera a primeira vez que me embarco nunha aventura sen billete de volta (xa me tomei un ano sabático fai 5, cando decidín mudarme a Inglaterra sen saber se ía volver).

Porén, si que é esta a primeira vez que son o que se pode chamar unha nómade. Un caracoliño. Funme sen billete de volta, co máis importante comigo. Especialmente el.

Porén, agora vou tocar esas primeiras veces que me tocaron vivir, aínda que non tiveron tanto tempo para seren pensadas como esta. Por iso quizás non me resultase nada difícil esa decisión que nos trouxo ao que temos entre mans agora: para min a viaxe é inercia. E saír do país ou do continente por primeira vez tamén o foi. Sempre souben que hai moitísimas cousas aí fóra para min. Que teño que ir buscalas se quero saber máis sobre elas: se quero aprender.

Nunca tiven medo ao novo, que vén cargadiño de ensinanzas. Nin a botar demasiado de menos o que deixo atrás. Pois se algo me quedou claro cada vez que saín de Galicia foi que sempre será o sitio ao que vou volver. E cada día síntoa un chisco máis dentro de min.

Tres semanas fóra do país rodeada de persoas que ata ese mesmo día non coñecías no verán no que tes 14 anos pode soar complicado. Máis do mesmo se tes 17 pero te atopas na mesma situación no outro lado do océano. Sen embargo, eses dous veráns cóntoos como dos mellores de toda a miña adolescencia. Porque lonxe e “soa” aprendes máis e mellor do que acotío aprendes na túa tan sonada “zona de confort”. Aínda que non vou ser trapalleira, a miña zona de confort non é a mesma coa que todo o mundo se identifica. A miña zona de confort está aquí fóra, onde podo ser eu mesma ao mesmo tempo que calquera persoa diferente. Onde cada choque con cada persoa é un mundo por explorar. Cada esquina é un lugar no que nunca antes estiven. E, de ter estado, cada vez é unha maxia especial (como xa cho contei neste artigo sobre Londres, a miña cidade favorita).

Saín moitas veces do país. Espero seguir a facelo. Espero tardar en volver desta. Espero que Galicia me espere. E, sobre todo, espero seguir aprendendo tanto como ata agora a vida me ensinou. Digo moitas veces que o meu coa viaxe é inercia, e que case non me teño que plantexar o asunto. Pero tampouco é de todo verdade. A viaxe mantenme en “xaque” continuo: toma de decisións todo o tempo, situacións complexas a resolver, horas e horas de traxectos, lidiar con todo aquilo que non esperamos… E ao mesmo tempo todo o contrario. Todo o bo da vida, en doses moi intensas. Viaxar é a miña droga e é unha da que non hai que escapar.

A viaxe é ese punto no que a inercia e o xaque se unen para crear a experiencia máis intensa que puidese esperar: a vida soñada.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

2 Comments

Belen · 16/12/2019 at 1:09 p.m.

Enhorabuena por este viaje tan fantástico y gracias por colaros en mi bandeja de correo. Me encanta leer vuestras aventuras.
Disfrutad mucho!!!

    Nuria P. Espasandin · 05/01/2020 at 4:11 a.m.

    Moitas grazas por deixar que nos colemos, Belén!
    Nos encantadísimos de que as leas!
    Esperamos que ti tamén esteas desfrutando a entrada do novo ano!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *