Nalgún punto da nosa vida na que a economía ía ben e nos permitimos o capricho de irnos de fin de semana de vacacións todos dixemos “un día é un día” e comemos no restaurante que nos pareceu adecuado. Porén, cando viaxar forma parte do teu día a día e queres estirar o presuposto ao máximo, a comida é un apartado ao que lle hai que prestar moita atención, xa que é moi fácil gastar “demasiado” cando se está fóra da casa. E por moito que un menú por 5€ poida semellar barato, cando te das conta de que iso, tres veces ao día, supón un total de 450€ ao mes e que con ese diñeiro te poderías permitir un mes máis viaxando quizás che pareza máis adecuado comezar a prestarlle máis atención. Pero ollo! Aforrar non quere dicir escatimar. E se algo me deixou sempre claro miña nai en relación aos cartos é que en comer sempre hai que investir. E nunca pasar fame.

Decidimos entón, para facerche a vida máis doada e axudarche na cavilación disto, compartir os nosos dez mellores trucos para aforrar na comida mentres viaxamos, facendo que o noso presuposto se estire ao máximo permitíndonos viaxar tanto como o facemos. Non é complicado se combinas dous artes: atención e organización.

1. RESERVA ALOXAMENTO CON COCIÑA

Pode que saia un chisco máis caro, pero pensando a longo prazo, aforrarás moito. É dicir, imaxina que o aloxamento máis barato vale 10€ a noite, pero por 12€ tes un con cociña. Imaxina que decides pagar os 10€. Terás que buscar onde almorzar, xantar e cear, xa que non o poderás facer na casa.

Sen embargo, se decides pagar 12€ máis as opcións multiplícanse. Terás un lugar no que facerte un almorzo. Este é realmente barato cando o tomas na casa, caro de máis cando te tes que achegar a un restaurante. Por exemplo, un paquete de pan de molde pódelo conseguir por 1€ e alimentará a máis persoas/ a ti por máis tempo. Un paquete de café durará toda a semana. E así con todo. Cando un euro será o que vala tan só un café no recuncho máis barato.

Nós aproveitamos o aloxamento con cociña sempre que podemos, se a diferencia de prezo non é moi grande. Facemos na casa sempre o almorzo e a cea, pois o xantar adoitamos tomalo alí onde esteamos pasando o día. Ás veces levamos un tupper coas sobras da cea do día anterior. Pero non é o máis típico.

Para o xantar e os casos nos que non teñas cociña, deixamos agora o resto de consellos.

2. MERCA NO SUPERMERCADO. OU MELLOR, NO MERCADO LOCAL

Se tes cociña, por descontado, se non non tería moito sentido o primeiro consello.

Pero incluso cando non contas con cociña, pasarte polo supermercado pode ser unha opción moi viable e socorrida. Algún dos exemplos que damos no vídeo que publicamos esta semana na nosa canle de Youtube sobre as nosas comidas son comprar pan e poñerlle calquera cousa dentro: pementos, tomates, pepinos, humus…

Pero gañarás máis opcións seguindo o truco número 5.

3. SÉ CONSCIENTE DE QUE É BARATO NO PAÍS NO QUE TE ATOPAS

Un fallo que os viaxeiros tendemos a cometer é xulgar se un país é barato ou caro comparando o prezo de cousas que adoitamos mercar a diario na nosa casa. Porén, hai que ser conscientes de que cada país ten unha realidade completamente diferente. Por exemplo, en India resultounos practicamente imposible atopar leite vexetal (que en Galicia atopas en calquera lugar rondando o euro). Porén, a papaia (moi cara nas terras fóra do trópico) era realmente barata. Por iso, é importante botar un ollo e identificar cales son os produtos máis baratos dos cales nos podemos alimentar. Cousa que, a miúdo, é tamén un regalo! Pois que hai mellor que almorzar todos os días media papaia de proximidade sabendo que é o máis barato do mercado? E poder probar por fin a froita do dragón nun dos máximos produtores mundiais? Aproveita isto para mergullarte na cultura: os produtos máis baratos adoitan ser dos que máis se alimenta a poboación tamén! E tenden a ser a base das súas comidas típicas! Aprende a cociñalos de maneira diferente!

Froita do dragón mercada nun supermercado en Bangkok, Tailandia

4. MERCA RESERVAS TAMÉN E LÉVAAS NA MOCHILA

Desta maneira terás snaks para cando che entre a fame nun lugar no que igual non te podes permitir (ou non che apetece) deixarte máis diñeiro. Case unha obriga para nós é levar sempre na mochila froita e froitos secos. Así que cada vez que temos un chisco de fame (ou gula) tiramos diso sen ter que buscar alimento por aí. Fácil, saudable e económico! Tres nun!

5. TEN ÚTILES DE COCIÑA SEMPRE CONTIGO

E non me refiro a que te marques un Sam cando no Señor dos Aneis leva media cociña consigo, potas e especias incluídas. Pero detalles como unha culler, un coitelo e un tupper poden marcar unha grande diferencia. Como adiantamos cando recomendamos mercar no supermercado, ter uns útiles amplía as túas oportunidades á hora de comer o que alí merques, xa que non tes que tirar tan só de bocadillo. No teu tupper podes combinar calquera alimento crú como consideres. Tamén na habitación de moitos hoteis teñen fervedor, punto moi a favor cando tes uns cantos utensilios, xa que podes cociñarte calquera comida instantánea ou facerte un café!

Ademais, ter os teus propios utensilios é unha opción máis sostible os días que decidas comer en postos da rúa que adoitan ter cubertos de usar e tirar!

O noso inventario de útiles conta cun tupper, un vaso con tapa, tres culleres (unha cunha especie de coitelo), un pelador, un garfo e uns palillos. E dannos moito servizo. Resulta facilísimo mercar unha sandía, partila a metade co coitelo e comela con dúas culleres, unha para cada un. O tupper resulta moi útil para crear ensaladas ou levar á visita do día as sobras da cea anterior. Todo son vantaxes!

O noso almorzo de hoxe na habitación do hotel de Chiang Mai, Tailandia

O almorzo é das cousas que máis nos facemos con utensilios. Nós almorzamos principalmente avea, leite vexetal, froitos secos e froita. Facilísimo de cumprir con útiles de cociña. Ademais, o almorzo é algo que sae realmente caro tomar en calquera local, así que pode ser onde se che estea escapando un presuposto que poderías estar destinando a outra cousa! Presta atención a que almorzas e destina o xusto para alimentarte ben, comezar o día con enerxía, pero non acabar co presuposto diario nada máis comezar a xornada!

E se es coma min e che gusta comezar o día con un cafeíño, permítete isto. Pero non é o mesmo entrar a un local e gastar nun café cando che apetece, que comer tooodo o que un almorzo contén nel. Se es das persoas que almorza un café e pa’ diante, pois óbvianos! Pero como podes comprobar, o almorzo é algo no que nós investimos moito. Non podemos comezar o día sen un ben grande e completo!

6. MERCA NOS POSTOS DA RÚA

Aínda cando non temos acceso ao supermercado, a innumerable oferta de postos da rúa adoita ser moito máis accesible economicamente falando que moitos restaurantes. E adoitan ser produtos interesantes da zona!

Alimentos de postos da rúa en Istambul, Turquía

7. COMPARA PREZOS

Así como hai opcións accesibles, sempre hai unhas máis que outras. E a nós pásanos, demasiado a miúdo, que cando acabamos de mercar algo nun lugar, despois de dous pasos, atopamos un máis barato. Fíxate moito nestas cousas!

Especialmente cando non tes fame, fíxate nos prezos de comidas que eventualmente che gustaría mercar. Para que despois a fame non che cegue e poidas elixir sabendo o que hai e como está o mercado!

Mira tamén menús sen medo. Aínda cando decides comer en restaurantes, hai opcións moi baratas. Ás veces incluso máis que na rúa, como nos acontece en Tailandia (dende onde estamos a escribir este artigo). Fixarse e comparar todo é clave para elixir a opción máis barata e aforrar! Se non comparas nunca vas saber cal é a opción máis barata. Xa que que un restaurante diga “Somos o máis barato da cidade” non me parece demasiado de fiar.

O noso xantar de hoxe (Pad Thai, auga e bananas) por 1'15 € en Northland House, Chiang Mai, Tailandia

8. SAL DA RÚA PRINCIPAL (especialmente se é turística)

A experiencia contounos que nas zonas turísticas os prezos dóbranse, como mínimo. Ás veces chega con ir a unha rúa paralela para atopar locais moito máis accesibles. Locais non tan posh e moito máis auténticos!

9. ENTÉRATE DOS PREZOS REAIS, que non che timen!

Esta é coa que nós aínda non acabamos de entendernos e a máis complicada. Para profesionais xa. A idea de que un produto ten un prezo é bastante europea. E o de telo escrito, máis aínda. O normal fóra de Europa é camiñar por mercados sen etiquetar onde, cando preguntas polo prezo de algo coa túa cariña de caramelo europeo normalmente che dan unha cifra tres veces por riba do normal (isto é esaxeradísimo na India e dende logo o que peor nos levamos de alí).

Polo que saír ao mercado e intentar mercar froita a prezo normal volveuse toda unha odisea da que nós aprendemos preguntando moito e nunca mercando á primeira persoa que nos intenta vender.

Igualmente, nunca mercamos o máis barato. Aínda con toda a enxeñaría que argallamos, sempre pagamos máis. Pero polo menos chegamos a prezos que semellan normais e nós consideramos xustos, que ao final tamén é o importante.

Pero nós, persoalmente, odiamos o regateo e o feito de ser nós quen decidamos o que unha persoa vai cobrar polo seu traballo, por iso cando unha persoa nos di un prezo que semella xusto dende un inicio (sen facer a parvada de triplicárnolo) aínda que saibamos que o poderiamos mercar máis barato noutra esquina, mercámosllo a esa persoa. Por tratarnos como a uns clientes normais.

E a pesar de que nós esteamos escribindo este artigo para axudarche a aforrar, tamén imos recordarche que non vai todo diso. Que ao final o que estás pagando é polo traballo da xente e que está ben pagar prezos xustos. Unha cousa é aforrar, pero recorda que o estás facendo por vicio, non por necesidade. E isto vai da man do último consello.

10. DATE O CAPRICHO QUE CHE APETEZA

Recorda que estás de vacacións para desfrutar e espremelas ao máximo, non para pasar fame nin medirte en todo segundo. Se cumpriches todas as recomendacións anteriores ao longo da túa semana de viaxe, probablemente aforraches moito máis do que normalmente farías. Así que, xa tes uns cartiños aforrados para poder investilos nun capricho!

O meu capricho do día que nos pasamos en Atenas, Grecia

E ata aquí chegan os nosos consellos. Polo tanto, as claves para aforrar na comida son a atención e a organización. Ás veces gastamos de máis por non fixarnos en pequenos detalles. E a organización é tamén unha grande oportunidade para comer de maneira máis saudable. Unha peza de froita e uns froitos secos do supermercado sempre van ser máis baratos e máis saudables que ese xeado da esquina. E hai días para todo!

Aquí deixamos un vídeo no que compartín durante unha semana enteira cada unha das miñas comidas. Foi unha semana de moita viaxe (collemos tres voos) e bastante movemento en xeral. E aínda así apañámonos para comer bastantes cousas diferentes e, sobre todo, utilizamos todos os consellos que arriba citamos: cociñamos, mercamos no súper, levamos snaks na mochila, fomos conscientes dos prezos dos países, comemos en postos da rúa, comparamos prezos, saímos das rúas principais, enterámonos dos prezos reais e tamén nos permitimos algún capricho!


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.